|
|
|
Saúdo do Presidente da Federación Galega de Comercio |
|
 | | D. José Mª Seijas Lopez |
|
Benvidos ao portal da Federación Galega de Comercio, unha canle que nos permite unha comunicación fluída cos comerciantes, ofrecéndolles toda a información que necesitan na súa labor diaria e establecendo unha vía de relación que nos permite coñecer e resolver as súas dúbidas e as súas inquedanzas.
O comercio galego, formado por 61.000 establecementos, converteuse nun elemento fundamental para as economías locais. A súa aportación do 13% ó Producto Interior Bruto e a súa xeración de 100.000 empregos na Comunidade Autónoma, fixo imprescindible que a súa importancia sexa recoñecida polas distintas administracións.
Así, a nivel estatal, a paralización da liberdade total de horarios mediante a derogación do RD 6/2000, posibilitando que as comunidades autónomas reduzan ata 8 o número de domingos e festivos de apertura comercial e a 72 horas semanais, foi un paso importante de cara a garantir o necesario descanso dominical e o equilibrio no mercado dos distintos formatos comerciais. Un indubidable trunfo do pequeno comercio.
A nivel autonómico, vén de poñerse en marcha o Plan de Mellora da Competitividade 2005-2008, que contempla a implantación de programas de calidade, a potenciación do comercio rural e a modernización dos mercados municipais. Ademais, dará continuidade a programas que se iniciaron no anterior plan cuadrienal, como os destinados a rehabilitación comercial, a informatización, a xubilación anticipada e a promoción. Todas estas medidas están a supoñer un grande impulso para o sector.
Tamén a nivel local o noso papel ten que ser recoñecido, tanto como revitalizadores dos centros urbanos como de dinamizadores económicos. Por ese motivo, non podemos ser esquecidos e os distintos concellos han de seguir apoiando as nosas iniciativas.
Dende a Federación Galega de Comercio seguiremos traballando para que os nosos intereses sexan defendidos e a nosa labor recoñecida. Do mesmo xeito, seguiremos estando día a día ao lado dos comerciantes e das nosas asociacións, informándoos, formándoos e asesorándoos.
Todos xuntos somos capaces de superar os retos que se nos presenten. Porque todos xuntos somos un gran comercio.
José Mª Seijas López
Presidente |
|
D. José Mª Seijas Lopez
Presidente da Federación Galega de Comercio
|
|
|
 |
|