|
|
|
As compras na túa vila teñen premio - Edición 2013 |
|
A Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, pon en marcha a sexta edición da campaña de dinamización do consumo nas vilas galegas "As compras na túa vila teñen premio.
As datas e localidades onde se desenvolverá esta iniciativa son as seguintes:
- Foz: 22 de abril - 3 de maio
- Ribeira: 29 de abril - 10 de maio
- Tui: 6 de maio - 16 de maio
- Carballiño: 13 de maio - 24 de maio
- Monforte: 20 de maio - 31 de maio
- Sada: 27 de maio - 7 de xuño
- Baiona: 9 de setembro - 20 de setembro
- Xinzo de Limia: 16 de setembro - 27 de setembro
A iniciativa premiará con 2.000 euros a confianza no comercio retallista de cada vila, sorteándose tres tarxetas regalo de 200 euros e 14 tarxetas regalo de 100 euros.
Fotografías Foz
Premiados Foz
Fotografías Riveira
Premiados Riveira
Fotografías Tui
Fotografías Carballiño
Documento relacionado: Bases campaña |
|
Cursos de idiomas de nivel básico para comercio. |
|
A Consellería de Economía e Industria inicia no mes de abril distintos cursos de idiomas de nivel básico para comercio.
Infórmate e inscríbete no seguinte enlace:
enlace
|
|
Vendes en Internet? |
|
O teu negocio sen limite.
|
Unha boa oportunidade para abrir ou mellorar o teu negocio online!!.
A entidade pública empresarial Red.es imparte o próximo 21 de marzo en Santiago de Compostela o taller formativo gratuíto " Vendes en internet? " para impulsar o comercio electrónico entre as pemes do sector de artigos de vestir e calzado.
Infórmate e inscríbete a través do seguinte enlace: http://ow.ly/in8sX
|
|
Sol María Vázquez Abeal tomou posesión do seu cargo de directora Xeral de Comercio. |
|
Vázquez Abeal é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Dirección e Xestión de Comercio Exterior pola mesma institución académica. En 2005 accedeu como funcionaria de carreira ao Corpo de Xestión da Administración Civil do Estado e, no mesmo ano, pasou a formar parte tamén como funcionaria de carreira do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia.
Dende abril de 2006 a xullo de 2009 exerceu como xefe de servizo de ordenación na Dirección Xeral de Comercio de la Consellería de Economía e Industria e dende esa data ata a actualidade, ocupou o posto de subdirectora xeneral de Comercio.
Na súa toma de posesión destacou o seu obxectivo de impulsar o crecemento do sector do comercio galego e a súa vontade de continuar o bo labor da súa antecesora no cargo,Nava Castro.
|
|
Os comerciantes manteñen as datas tradicionais dunhas rebaixas con menos vendas. |
|
A Federación Galega de Comercio realizou unha enquisa a comerciantes de toda Galicia para valorar o desenvolvemento das rebaixas de inverno. Os resultados desta enquisa revelan que a inmensa maioría dos empresarios do sector decidiron manter as datas tradicionais de rebaixas, que ata o de agora se desenrolaban por lei entre o 7 de xaneiro e o 7 de abril, cun mínimo dunha semana e un máximo de dous meses.
Os datos de vendas son negativos para os enquisados, xa que máis dun 70% recoñece que ata o momento a facturación durante o periodo de rebaixas é menor que o ano pasado, e un 43% afirma que son máis dun 20% inferiores ao exercicio anterior.
O 63% dos comerciantes galegos non están dacordo coa supresión dos periodos oficiais de rebaixas, xa que consideran que esta medida desorienta ao consumidor e ao propio comerciante, que agrava a xa crítica situación do sector e que únicamente beneficia ás grandes superficies. Moitos coinciden tamén na necesidade de medidas que axuden ao comercio, como la baixada de impostos e a flexibilización do crédito.
|
|
A Federación Galega de Comercio, moi preocupada pola modificación da lei de horarios comerciais |
|
A Federación Galega de Comercio valora negativamente a aprobación por parte do Consello da Xunta de onte do proxecto de modificación da Lei 13/2006, de 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia; ó que no seu momento realizou as alegacións oportunas.
O texto, que agora se remite ó Parlamento para a súa aprobación, ten por obxectivo a adaptación da norma galega ó novo marco imposto polo goberno estatal; pero non por agardado é menos perxudicial para o sector e, pola contra, beneficia ás grandes superficies, que son as únicas que sacan partido desta liberalización de horarios.
A modificación aprobada onte recolle medidas como a ampliación de 8 a 10 do número de domingos e festivos autorizados para a apertura comercial; pasar de 72 a 90 as horas semanais de apertura; a liberalización de horarios comerciais en zonas de gran afluencia turística, tendo máis en conta a ubicación de grandes superficies; o aumento de 150 a 300 metros cadrados da superficie mínima para que un comercio poda acollerse á liberdade horaria; ou a rebaixa sustancial das sancións. O sector rexeita absolutamente estas medidas, que únicamente agravarán máis a crítica situación que está a vivir o comercio en Galicia, co consecuente peche de establecementos e perda dun emprego estable e de calidade, que non ofrecen outros formatos.
Hai que ter en conta que esta medida non foi demandada nin polos consumidores, que consideran suficiente o actual horario comercial para realizar as súas compras, nin polos propios establecementos comerciais. Para mellorar a economía e frenar a destrucción de emprego deberíanse adoptar outras medidas tales como rebaixas fiscais, taxas municipais, rebaixa de cotas sociais, liñas de axuda e flexibilización do crédito, como xa se trasladou dende esta Federación Galega de Comercio en numerosas ocasións ás administracións pertinentes.
|
|
O comercio defende a xestión de Nava Castro como Directora Xeral. |
|
A Federación Galega de Comercio, por acordo das Federacións Provinciais de Comercio e a petición dun bo número das súas asociacións integradas, quere apoiar o labor de Nava Castro Domínguez durante a súa etapa como Directora Xeral de Comercio.
O sector séntese indignado pola campaña que se iniciou contra a exdirectora xeral de Comercio e defende que a non autorización da feira de oportunidades Santiago Outlet non foi unha decisión arbitraria, senon baseada no informe desfavorable por parte da Mesa Local de Comercio de Santiago e polo feito de incumplir varios requisitos esixidos pola normativa vixente naquel momento para a celebración deste tipo de feiras. O feito de que a empresa organizadora - que por outra banda non é ningunha persoa comerciante nin asociación como esixe a lei - decidise pola súa conta e risco continuar coa realización deste evento e incorrer en gastos sen contar previamente coa autorización da Dirección Xeral de Comercio non é responsabilidade da entón responsable deste departamento.
Noutra orde de cousas, a Federación Galega de Comercio e as súas organizacións membro, queren destacar o traballo incansable de Nava Castro polo comercio minorista de Galicia durante os catro anos que estivo á fronte da Dirección Xeral de Comercio, que se materializou na aprobación de normativas moi necesarias e demandadas polo sector, así como en plans de axudas ao comercio e actuacións promocionais que contribuiron ao desenrolo do sector comercial na nosa Comunidad Autónoma.
|
|
Comerciogalicia.es preséntase nas I Xornadas de Blogs de Moda e Comercio Electrónico. |
|
A web de compras comerciogalicia.es foi presentado en Santiago nas I Xornadas de Blogs de Moda e Comercio Electrónico, que tiveron lugar os días 19 e 20 de outubro.
A presentación correu a cargo do secretario xeral técnico da Federación Galega de Comercio, Luis Fernández, que expuso ante un amplo auditorio as características deste portal multi-tenda que puxo en marcha a organización no mes de abril, e onde máis de 200 comercios galegos teñen xa subidos miles de produtos, realizándose importantes transaccións que se suman ás realizadas nos propios establecementos físicos.
|
|
A Federación Galega de comercio, agora tamén en Facebook e en Twitter. |
|
A Federación Galega de Comercio inicia a súa andaina nas redes sociais, a través de Facebook(Federación Galega de Comercio) e Twitter(comerciogalicia). Con estas novas canles complementaranse os contidos desta web, permitindo ampliar a promoción, difusión e coñecemento de todas as novidades sobre a organización e o comercio galego en xeral. Visítanos e faite o noso amigo e seguidor.
|
|
A Federación Galega de Comercio e Novagalicia Banco presentan un plan de apoio ao sector |
|
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2012. - A Federación Galega de Comercio e Novagalicia Banco presentaron esta mañá en Santiago o Plan de Apoio ao sector denominado Novacomercio, que se enmarca dentro da firma dun protocolo de colaboración entre ambas as dúas entidades e que supón o mantemento das relacións financeiras e do traballo coordinado a favor da promoción do comercio galego.
Na presentación deste plan participaron o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o director xeral de Novagalicia Banco, Juan Díaz Arnau; e a directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Nava Castro Domínguez.
José María Seijas recalcou a importancia deste plan no contexto actual de crise económica, para dotar ó comerciante de produtos e servizos vantaxosos que permitan optimizar a súa rendibilidade e competitividade. Así mesmo, resaltou a necesaria colaboración entre entidades e administracións competentes para impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento do sector comercial galego.
Pola súa banda, o director xeral de Novagalicia Banco, Juan Díaz Arnau, explicou que dentro deste plan se crea a rede de "Pequenos grandes comercios", un sistema que permite ós establecementos asociados, entre outras vantaxes, ofrecer á súa clientela en exclusiva o aprazamento de balde das súas compras a través da Tarxeta Comercio Novagalicia. Esta tarxeta foi deseñada especialmente polo banco para o comercio minorista galego, sendo pioneira no sector. "É vantaxosa tanto para o comercio, que pode competir coas grandes superficies, como para o cliente, que pode financiar os pagamentos das súas compras ata 12 meses sen custo", apuntou o director xeral de Novagalicia.
Dentro do plan posto en marcha pola Federación Galega de Comercio e Novagalicia Banco, contémplanse tamén outros recursos de financiamento preferente para o pequeno comercio galego, como o préstamo telefónico Credicomercio, que se concede ao cliente no propio establecemento e que posibilita aprazar compras de balde ata 12 meses por un importe máximo de 3.000 euros, ou en condicións atractivas en caso de importes e prazos máis elevados.
Ademais, Novagalicia pon a disposición do colectivo o Seguro Comercio, un produto deseñado especificamente para cubrir as necesidades dos pequenos establecementos comerciais.
Finalmente, o plan Novacomercio complétase co apoio a campañas promocionais para dinamizar o consumo nos establecementos comerciais de distintas localidades de Galicia, con importantes premios que volven repercutir nos negocios locais.
|
|
Preocupación no comercio galego pola proposta de liberalización de horarios plantexada polo Goberno central |
|
A Federación Galega de Comercio manifesta a súa preocupación e total desacordo coa última proposta en materia de liberalización de horarios comerciais que anunciou onte o Secretario de Estado de Comercio, Jaime García Legaz.
A organización reitera a súa firme oposición á modificación da actual normativa sobre horarios comerciais por entender que esta medida nin foi demandada polos consumidores nin pola inmensa mayoría do sector comercial e que, ademáis, non vai repercutir na mellora da actividade económica do país. De todos é sabido que o problema actual non radica na falta de horas para ir a mercar, senón na falta de cartos para consumir.
Cómpre recordar ademáis que a maior parte do pequeno comercio galego xa pode abrir tódolos días e horas que o desexe segundo a normativa actual, polo que esta medida soamente beneficia aos grandes formatos comerciais e responde á presión exercida polos mesmos. Ademáis, a Federación Galega de Comercio considera que non é oportuno que se aproben este tipo de medidas no momento actual que está a vivir o pequeno comercio, lembrando que o sector contribúe a xerar riqueza, emprego e benestar e constitúe o elemento vertebrador das cidades.
Entre as medidas anunciadas polo Goberno destaca a ampliación do número de festivos de apertura comercial, que pasarán de 8 a 10 días ao ano, así como a ampliación dos horarios do mínimo actual de 72 horas a 90 horas semanais. Asimesmo, entre outras medidas, se elimina a facultade conferida ás comunidades autónomas (e á que se acolle Galicia) para reducir ata 150 metros cadrados a superficie máxima dos establecementos comerciais que teñen liberdade horaria.
A Federación Galega de Comercio agarda que dende a Xunta de Galicia se acollan en tódolos casos aos mínimos contemplados pola normativa anunciada, de xeito que o perxuicio para o sector sexa o mínimo posible.
|
|
O comercio galego defenderá en Madrid que se manteña o actual réxime de horarios comerciais |
|
A Federación Galega de Comercio celebrou unha reunión urxente do seu comité executivo na que se consensuou un documento que se exporá na reunión da directiva da Confederación Española de Comercio que se celebrará mañá mércores, manifestando o seu total desacordo co borrador de decreto de flexibilización de horarios e promoción de vendas que pretende aprobar o Goberno Central. Dito documento remitiuse tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó e ao Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, así como aos grupos parlamentarios de Galicia.
Neste escrito, a Federación Galega de Comercio amosa o seu máis absoluto rexeitamento co texto deste borrador, advertindo das graves consecuencias que tería a súa aprobación, como a destrucción masiva de empregos no pequeno comercio de Galicia. Para a organización, non é lóxico que dende o Goberno central se deseñen políticas iguais para tódalas comunidades autónomas, cando cada unha ten as súas peculiaridades e realidades económicas e sociais distintas.
Por outro lado, sinalan que segundo as enquisas realizadas ningunha das partes implicadas, nin os comerciantes nin os consumidores, está a favor da liberalización e flexibilización dos horarios comerciais. Ademáis, lembra o compromiso do presidente da Xunta co sector e co mantemento da actual lexislación en materia de horarios comerciais por recoñecer a importancia do pequeno comercio na xeración de emprego e riqueza.
En canto ás actividades de promoción de vendas, reguladas tamén neste borrador de decreto, a Federación Galega de Comercio está en desacordo coa flexibilidade que se da a este tipo de actividade promocional, considerando que vai xerar un absoluto descontrol da actividade comercial, considerando necesario que se poñan límites e condicións a estas prácticas para evitar maiores perxuizos ao sector.
A Federación Galega de Comercio opta porque se manteña a lexislación actual nestas materias, por ser xa suficientemente permisivas e axeitadas á realidade da demanda actual.
|
|
COMERCIOGALICIA.ES |
|
Comerciogalicia.es, o portal do comercio de galicia
|
|
|
¿Queres vender os teus produtos en comerciogalicia.es? Solicita información
|
BOLETÍN DE NOVAS DO COMERCIO DE GALICIA |
|
Recibe gratuitamente o noso Boletín de Novas para estar ó día en todo o atinxe ó comercio de Galicia.
|
|
AXUDAS Y SUBVENCIÓNS |
|
ACCEDA A AXUDAS E SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS Ó PEQUENO COMERCIO.
|
|
PRENSA |
|
AQUÍ PODERÁ VER TODA A PRENSA NACIONAL E INTERNACIONAL
|
|
|
 |
|