|
|
|
Saúdo do Presidente da Federación Galega de Comercio |
|
 | | D. José Mª Seijas Lopez |
|
Benvidos ao portal da Federación Galega de Comercio, unha canle que nos permite unha comunicación fluida cos comerciantes, ofrecéndolles toda a información que necesitan na súa labor diaria e establecendo unha vía de relación que nos permite coñecer e resolver as súas dúbidas e as súas inquedanzas.
O comercio galego é un dos sectores máis afectados pola devastadora crise económica que estamos a atravesar e o retroceso continuado do consumo provocou o peche de máis de 10.000 establecementos comerciais en Galicia dende o ano 2008. Nembargantes, os arredor de 50.000 comercios que existen na nosa Comunidade Autónoma seguen desempeñando un importante papel na xeneración de emprego e riqueza, así como un imprescindible papel social, que debe ser recoñecido polas distintas administracións.
Nun momento complicado como o actual, a Federación Galega de Comercio reafirma o seu compromiso co sector, insistindo na necesidade de traballar, reinventarse e buscar novos mercados.
Dende esta organización, continuamos coa nosa labor de promoción, a través de campañas de dinamización do consumo e de potenciación do comercio de proximidade. Por outra banda, seguimos co Plan de Formación do Comercio Galego, que busca capacitar e facilitar a reciclaxe a todos aqueles empresarios e traballadores do sector que pretenden mellorar as súas competencias profesionais e incrementar as súas posibilidades de carreira, conseguindo unha formación de calidade orientada ao mercado laboral.
O asesoramento integral ao comerciante e ás asociacións, ademáis de colaborar coas administracións nas distintas normativas que afectan ao comercio, son outras das liñas básicas de actuación; ás que se sumou recentemente a posta en marcha do portal de vendas Comerciogalicia.es.
Finalmente, seguimos a potenciar o asociacionismo como único medio de defender os intereses do sector e acadar obxectivos, porque a unión fai a forza e xuntos somos “un gran comercio”.
|
|
D. José Mª Seijas Lopez
Presidente da Federación Galega de Comercio
|
|
|
 |
|