|
|
|
COMEZA O SIMPOSIO DE CENTROS ABERTOS (EL CORREO GALLEGO, 24 DE SEPTIEMBRE DE 2005) |
|
A Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebra hoxe e mañá o I Simposio de Centros Comerciais Abertos de Galicia (CCAs).
Representantes dos 42 centros comerciais abertos e áreas comerciais urbanas existentes na nosa Comunidade Autónoma daranse cita neste encontro no que se analizará a situación destes formatos comerciais e impulsarase a creación dunha Rede de CCAs de Galicia, estudando vías de actuación que permitan aproveitai sinerxias.
A xornada de hoxe desenvolverase no Parador de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín). Para inaugurar o Simposio, que terá lugar ás 11.30horas foi invitado o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Tamén asistirá o presidente da Confederación Española de Comercio, Pere Llorens, e os presidentes das Federacións Provinciais de Comercio.
A conferencia inaugural será impartida por José Guerrero, secretario xeral da Confederación Empresarial de Comercio de Andalucía, que relatará a experiencia da súa Comunidade na implantación dun modelo de rede de centros comerciais abertos.
Nas mesas redondas que se desenvolverán na xornada de tarde exporase a situación actual dos centros comerciais abertos de Galicia, froito dunha análise promovida pola Federación Galega de Comercio. Finalmente, proporase un plan de traballo firme e continuado, establecendo vías de colaboración conxuntas.
As conclusións presentaranse na xornada de clausura que terá lugar mañá, ás 10.30 horas no Salón Valdeorras do Gran Hotel Sanmartín e que correrá a cargo da directora xeral de Comercio e Consumo, Ana María Rúa Souto. O Simposio finalizará cunha visita ó CCA de Ourense.
|
|
|
 |
|