|
|
|
A XUNTA IMPULSA CENTROS COMERCIAIS ABERTOS PARA REVITALIZAR AS CIDADES (EL PROGRESO, 26 DE NOVEMBRO DE 2006) |
|
Os centros comerciais abertos, promovidos por asociacións de comerciantes fortes, poden facilitar a recuperación dunha vila en xeral e do seu comercio en particular, segundo a ConselIería de Innovación, que habilitou unha liña de axudas para impulsar estas iniciativas.
Innovación sostén que os centros comerciais abertos contribúen á dinamización das localidades tanto dende o punto de vista económico e social coma dende o urbanístico, e axudan a evitar a despoboación que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos.
O apoio da consellería non só vai dirixido ós centros comerciais abertos, senón tamén ás centrais de compras e servizos e ás actuacións en eixes comerciais. O obxectivo é, por unha banda, lograr que o comercio satisfaga as necesidades duns consumidores cada vez máis existentes que demandan combinar o acto da compra co lecer e, pola outra, exercer de motor social construíndo cidade.
Innovación e Industria está a colaborar na implantación e desenvolvemento de centros comerciais abertos en localidades das catro provincias galegas, na Coruña, en concreto, apóianse iniciativas de centro comercial aberto en Ribeira, Boiro, Ferrol, Noia, Carballo, dous en Santiago -Zona Monumental e ZonaEnsanche- e dous na cidade da Coruña -Obelisco e rúa de Barcelona-. Na provincia de Pontevedra colabórase cos centros de Vigo -Zona Príncipe, Zona Centro e Casco Vello e no Barrio do Calvario-, Pontevedra, Tui, O Grove, A Estrada, Cangas-Bueu, Cambados, A Guarda, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, O Porriño e Redondela.
Innovación colabora igualmente na provincia de Lugo con agrupacións de comerciantes de Ribadeo, Monforte de Lemos, Lugo, Sarria, Chantada e Viveiro. Tamén Ourense e o Barco de Valdeorras terán cofinanciamento para o desenvolvemento de sendas iniciativas de centro comercial aberto.
A Consellería de Innovación ofrece axudas para consolidar estes centros comerciais abertos. Subvenciona a creación e potenciación de unidades xerenciais, sinalización comercial, desenvolvemento de sistemas de fidelizacion de clientes, actividades formativas e campañas de promoción, publicidade e animación comercial.
Repartiranse 2,8 millóns de euros para 65 proxectos durante este ano
As axudas da Consellería de Innovación concrétanse nunca orde do 26 de ahril deste ano. O apoio económico do departamento dirixido polo nacionalista Fernando Blanco ós centros comerciais abertos ascende a 2,8 millóns de euros, é dicir, 500.000 euros máis que no ano anterior.
Esta partida económica distribuirase para 65 proxectos que xerarán un investimento total de 5.088.187 euros, cunha porcentaxe media de subvención do 50% do investimento.
Poténcianse especialmente as actuacións nas vilas e cabeceiras de comarca de menos de 20.000 habitantes, nas cales a porcentaxe de subvención se incrementou nun 10% adicional, acadando ata o 60% do investimento aprobado.
Dos 65 proxectos subvencionados con cargo a esta orde, 33 teñen como obxectivo a implantación e desenvolvemento de centros comerciais abertos. O resto están relacionados con outro tipo de actividades de impulso ó pequeno comercio.
|
|
|
 |
|